martes, 24 de febrero de 2015

Senior 2ª división: Caferlo Viveiro 91 - 86 C.B. Arteixo

Partido correspondente á 13ª xornada da 2ª división senior masculino, disputado o sábado ás 18:00 horas no Pavillón Municipal de Viveiro

91 - 86  (19-16 / 13-16 / 15-23 / 22-14 / 10-10 / 12-7)

Partido emocionantísimo o vivido o sábado en Viveiro. O partido comezou cun minuto de silencio debido ó falecemento dun familiar directo do presidente do club de A Mariña, ó que lle queremos dar o pésame e todo o apoio posible.

Comezou o partido cos locais anotando grazas á presenza interior de Pablo Martínez, quen campaba ás súas anchas na pintura dos arteixáns. Pola súa banda, os de Germán Lozano trataban de xerar vantaxes no 1x1 e aproveitar balóns para os interiores. Chegouse ó final do periodo 19-16 cunha tripla de Fabián errada sobre a bocina

O segundo periodo foi similar ó inicial, os de Armando Otero baseaban o xogo nos seus interiores e os arteixáns no 1x1 exterior, tanto dos xogadores exteriores como dos interiores. Chegouse ó descanso con igualdade no marcador, grazas a unha canastra de Gaby sobre a bocina despois dun rebote de ataque (32-32)

Á volta do descanso, os locais situáronse nunha defensa zonal que os arteixáns superaron con certa comodidade, chegando incluso a situarse cunha vantaxe superior ós 10 puntos. Os locais mantíñanse a certa distancia grazas ás triplas de Xavi Castro e ós puntos dos interiores (47-55)

Entrouse no último periodo con vantaxe dos arteixáns, pero non se contaba coa aparición no partido de Oroza (ata este momento 0 puntos), quen tomou a responsabilidade do ataque viveirense, mentres que ós arteixáns se lles nublaban pouco a pouco as ideas no ataque. A falta de 3 minutos, o marcador igualouse e ningún dos dous equipos era capaz de romper o partido. Aínda así, os arteixáns tiveron un saque de banda a 3 segundos do final, pero o lanzamento de Antelo non acabou dentro do aro (69-69)

Na primeira prórroga pronto os arteixáns colleron vantaxe no marcador, pero de novo pouco a pouco, os locais foron limando as diferenzas. A falta de 10 segundos e cun punto de vantaxe para os arteixáns, Conchado só anotou o primeiro dos seus dous tiros libres, e tras rebotear en defensa e un despiste dos arteixáns, os locais anotaron unha canastra baixo o aro que facía que o partido se fose a outra nova prórroga (79-79)

A segunda prórroga comezou cunha tripla de Conchado, pero foi un espellismo. En dous minutos, os locais colleron 5 puntos de vantaxe que serían definitivos para decantar o partido. Aínda así, os arteixáns seguiron loitando ata os últimos segundos para levarse a victoria, pero non puido ser (91-86)

Gran partido ante un gran equipo, e gran traballo realizado por parte de tódolos xogadores.

Caferlo Viveiro
Ferro (5), F. Castro (5), Martínez (28), Oroza (24), Piñón (13), Neira (2), Peláez (1), Souto (0) e X. Castro (13)
Adestrador: Armando Otero 

C.B. Arteixo
Ocampos (14), Antelo (13), Conchado (25), Guille (0), Gaby (2), Iago (7), Rober (15), Ramón (3), Luis (3) e Fabián (4)
Adestrador: Germán Lozano


A vindeira fin de semana, o C.B. Arteixo recibirá o domingo ás 12:00 horas ó C.B. Sarria no Pazo dos Deportes de Arteixo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario