martes, 12 de noviembre de 2013

Senior 2ª división: C.B. Arteixo 34 - 62 Cenor Cluny

Partido correspondente á sexta xornada da 2ª división senior masculino entre o C.B. Arteixo e o Cenor Cluny, disputado o domingo ás 12:00 horas no Pazo dos Deportes de Arteixo

34 - 62 (6-20, 15-12, 5-12, 6-18)

Quinta derrota consecutiva do C.B. Arteixo, que deixa ó equipo tocado animicamente.

Outra vez saíu o equipo desconcentrado, falto de intensidade e con pouco movemento de balón e dos xogadores no ataque. así, pouco a pouco, o Cenor Cluny foi sacando vantaxe no marcador cun xogo agresivo e cos xogadores moi activos, tanto na defensa como no ataque. Con estes ingredientes o marcador íase ó final do periodo cun 6-20 a favor dos visitantes e con malas sensacións para os nosos.

Un cambio na defensa e máis agresividade achegaron ós arteixáns no marcador na saída do segundo periodo, chegando a poñerse a 8 puntos dos santiagueses. Pero ó descanso, aínda que se apreciaba unha clara mellora no xogo e nas sensacións, a vantaxe seguía a ser cómoda para os visitantes (21-32)

Á volta do descanso, volveuse á falta de ideas en ataque e, aínda que na defensa se estaba ben, só se puideron anotar 5 puntos neste periodo ante a forte defensa visitante. A diferenza volvía a aumentar ata os 18 puntos, os cales pesaban moito no ánimo dos xogadores de Fran Lozano. Finalizaba o terceiro periodo cun 26-44 no marcador.

Volveron a saír con ganas os arteixáns no último periodo, pero tras varias canastras despois de mover ben o balón dos visitantes e sen conseguir anotar ante a boa defensa dos de Santiago, volveu a desesperación ós arteixáns e xa desexando que finalizase o partido. Dolorosa derrota por 28 puntos de diferenza (34-62), deixando ó equipo un pouco tocado animicamente.

A nota positiva do partido foi o debut de David Eirís despois de recuperarse dos problemas de saúde que viña padecende dende o comezo da pretempada.


Por parte do C.B. Arteixo xogaron Ramón (2), Rober Garnelo (0), Alex Ocampos (2), Alex Antelo (10), Guille (5), Manu (1), Lute (3), Rober Vilariño (2), David (8) e Fabián (0)
Adestrador: Fran Lozano

Por parte do Cenor Cluny xogaron García (10), Romo (3), Scotto (9), Seoane (2), Rodríguez (0), A. López (2), González (6), L. López (17), Rensifo (8) e Candeiro (5)
Adestrador: Souto


A vindeira fin de semana o C.B. Arteixo rendirá visita ó C.B. Celtas de Foz na busca da primeira victoria que anime ó equipo de cara ó resto da competición. O partido disputarase o sábado 16 de novembro ás 18:00 horas no Pavillón de Marzán de Foz

No hay comentarios:

Publicar un comentario