Partido correspondente á 3ª xornada da 2ª división junior masculino, disputado o domingo ás 12:00 horas no Colexio Santiago Apóstol de Narón.
41 - 52 (7-12, 10-12, 13-19, 11-9)
Primeira victoria da tempada para os xogadores de Germán Lozano, nun partido onde a intensidade foi moi boa durante 35 minutos, conseguindo así estar en todo momento no partido e chegar con opcións de victoria.
Comezaba o partido cos dous equipos tanteándose. Os arteixáns moi intensos na defensa e agresivos no 1x1 para conseguir finalizar accións baixo o aro. Dominábase o rebote (tanto ofensivo como defensivo) e no ataque xerábanse boas situacións de lanzamento a partir de balón interior. Chegouse ó final do primeiro periodo cunha vantaxe de 5 puntos a favor dos de Arteixo (7-12)
O segundo periodo, continuou polos mesmos derroteiros, pero un par de minutos nos que a intensidade dos de Arteixo baixou, fixo que os locais se mantivesen no partido grazas ó rebote de ataque. Tras un triple sobre a bocina do descanso dos locais, os arteixáns perdían a renda de 10 puntos, quedando finalmente en 7 (17-24)
Á volta do descanso, saíron moi mal os arteixáns, pensando que o partido estaba finiquitado, pero nada máis lonxe do contrario. En 3 minutos, os locais endosaban un parcial de 9-0, co que remontaban o marcador, colocándose 2 puntos por encima. Tempo morto e reacción visitante: parcial de 8-0 con dous roubos de balón e dúas canastras en vantaxe de 1x1. Volvían a mandar os arteixáns, moi acertados de cara ó aro neste periodo (19 puntos) e volvendo á intensidade defensiva do primeiro periodo. Ó rematar o periodo, a diferenza era de 13 puntos a favor dos arteixáns (30-43)
No último periodo, os de Arteixo trataban de xogar ataques longos e elaborados ante a zona local, que non conseguían finalizar en canastra. Os locais foron pouco a pouco remontando ata achegarse a 6 puntos no marcador. A partir dese momento, o acerto nos tiros libres dos arteixáns e o desacerto no triple dos locais certificaron a victoria dos xogadores de Germán Lozano por 41-52
Por parte do C.B. Arteixo xogaron Darío (14) Natahel (4), Diego Felipez (2), Miguel (6), Leo (0), Iván (4), Edu (9), Eloy (2), Diego Pérez (7) e Fabián (4)
Adestrador: Germán Lozano
Por parte do Norinver Narón xogaron S Pena (0), A Fernández (15), D Rodríguez (3), J Pena (0), Durán (5), Teijeiro (7), A Fernández (3), Castro (1), M Rodríguez (4) e Torrejón (3)
Adestrador: Juan Pérez
A próxima fin de semana, o C.B. Arteixo non terá xornada de liga, reanudándose a seguinte fin de semana. O partido disputarase o domingo 10 de novembro ás 19:00 horas no Pazo dos Deportes de Arteixo contra o Ferrol C.B.
No hay comentarios:
Publicar un comentario