jueves, 16 de mayo de 2013

Junior: BCA 96 48-62 C.B. Arteixo

Partido disputado o mércores 15 ás 20:30 horas no Pavillón do Ventorrillo de A Coruña.


Partido de volta dos cuartos de final da Copa Primavera Junior Masculina, no que os arteixáns tiñan que superar unha desvantaxe de 2 puntos do partido de ida disputado en Arteixo.


Gran partido dos xogadores de Germán, que sabían perfectamente o que se xogaban. Saíron de novo en tromba, provocando o tempo morto local ós 5 minutos de partido. A partir dese momento, o partido igualouse, pero sempre cos arteixáns por encima no marcador. Froito desta igualdade, o primeiro perido finalizaba coa eliminatoria a favor dos arteixáns por un punto (9-12).

A igualdade mantívose durante o segundo periodo, as defensas eran superiores ós ataques, xa que o acerto dende o exterior era prácticamente nulo. O marcador non era moi alto, pero os arteixáns seguían mandando no marcador, anque a eliminatoria chegou empatada ó descanso (23-25).

Á volta do descanso continuaba a igualdade, erros nos pases, acerto baixo o aro e nulo acerto exterior. Os arteixáns axustaban a súa defensa sobre Millán, que facía moito dano coas súas penetracións, e non permitían rebotes ofensivos ós locais. Ó final do periodo, a eliminatoria seguía empatada e con todo por decidir no último periodo (36-38).

O último periodo comezaba na tónica do partido, moi igualado. Pero a falta de 7 minutos para rematar o partido, os arteixáns deron un pequeno arreón que os colocou con 4 puntos de diferenza, provocando un tempo morto local. Á volta dese tempo morto, un parcial de 5-0 a favor los locais fixo que a eliminatoria se puxese en contra dos arteixáns. Nada máis lonxe da realidade, a partir deste momento os arteixáns sacaron máis forzas para seguir defendendo e recuperando balóns para conseguir situacións de lanzamentos cómodos preto do aro, colocando unha distancia favorable no marcador de 8 puntos que parecía definitiva a falta de 2:40. 
Nese momento, unha falta antideportiva cometida por Darío, fixo que os locais tivesen unha opción de volver apretar a eliminatoria, pero só aproveitaron un tiro libre e o posterior ataque non rematou en canastra. A partir dese momento, a defensa dos arteixáns con tres roubos de balón consecutivos e a finalización en canastra do contraataque en 1x0 fixo que a vantaxe se ampliase ata os 14 puntos definitivos (48-62).


Destacar a gran intensidade e compañeirismo dos xogadores do C.B. Arteixo durante os 40 minutos de partido. 

Con esta victoria o equipo clasifícase para as semifinais da Copa Primavera junior masculino grazas ó aumento do traballo e compañeirismo nos adestramentos e nos partidos destes dous últimos meses.   ¡¡¡¡NORABOA!!!!

Disputarase en formato de Final a 4 a fin de semana do 25 e 26 de Maio en data e hora por confirmar. Os equipos xa clasificados son Liceo La Paz, Maristas Coruña e C.B. Arteixo.
Queda por definir o último clasificado, que se decidirá o venres 17 ás 12:00 horas no Pavillón de O Burgo entre o Culleredo e o Santo Domingo de Betanzos (vantaxe de 3 puntos para os cullerdenses).


BCA 96:
Fernández, Pardo, Arcas, Millán, Crespo, Fraga e Longueira
Ad: Nacho Pena

C.B. Arteixo:
Darío, Edu, Eloy, Nico, Manu, Damián, Diego, Adrián, Jacobo e Fabián.

Ad: Germán Lozano

No hay comentarios:

Publicar un comentario