O C.B. Arteixo visitaba ó C.B.
Coia-6 do Nadal no partido de volta da final da 2ª división senior masculina. O
partido daba comezo o sábado ás 20:00 horas no Pavillón de Navia de Vigo.
Non puido ser, ó final non puidemos
remontar no segundo partido da final de liga.
Chegaba o C.B. Arteixo ó partido de
volta cunha desvantaxe de 1 punto (58-59) e en Vigo volvía a perder, esta vez
cunha diferenza de 5 puntos.
Comezou ben o partido para os de
Fran Lozano, con vantaxes curtas pero sempre por diante no marcador. A partir
da metade do primeiro periodo, os locais colocáronse por diante debido ós
problemas defensivos dos arteixáns, cometendo moitas faltas que permitiron
moitos tiros libres ós locais. Chegouse ó final do primeiro periodo cun 19-16.
No segundo periodo, seguía igualado
o partido. Os dous equipos anotaban con facilidade, pero eran os locais os que
seguían por diante no marcador, aumentando a distancia no mesmo. 44-38 ó
descanso.
Á volta do descanso, e tras un parón
de 5 minutos por culpa de que o sol molestaba o xogo, os erros de concentración
en ataque por parte dos arteixáns traducíronse en perdas de balón, tiros
errados, poucos rebotes e canastras fáciles a favor dos locais. Grazas a esto,
os locais escapáronse no marcador, chegando a estar 18 puntos por diante, que ó
final do periodo quedaron en 13 (64-51).
No último periodo, semellaba que o
partido xa estaba decidido, pero cun gran esforzo dos xogadores arteixáns
aumentando o ritmo de xogo tanto en defensa como en ataque, aproveitando ó
máximo a pouca “gasolina” que lles quedaba e con Manu no banco por problemas
físicos achegáronse pouco a pouco con 3 triplas consecutivas. No último minuto,
3 puntos abaixo e con posesión para os de Arteixo, un lanzamento errado baixo o
aro e unha tripla errada evitaron que os arteixáns igualasen o partido. Ó
final, dous tiros libres a falta de 7 segundos deixaron o marcador co resultado
final de 76-71.
Dende o C.B. Arteixo queremos
felicitar ó C.B. Coia-6 do Nadal pola súa victoria e a consecución do título de
Campión da 2ª División Senior Masculino.
Tamén hai que felicitar ós xogadores
que disputaron o partido e que fixeron un gran esforzo, así como ós xogadores
do equipo junior Manuel Rey e Fabián González que acompañaron ó equipo para
completar a convocatoria, aínda que non chegaron a xogar. David tampouco puido
xogar debido a unha pequena torcedura de tobillo no último adestramento da
semana.
C.B. Coia-6 do Nadal
Mallo (-), Outeiral (4), Pérez (19),
Montenegro (0), Domínguez (-), Mouriño (-), Fernández (12), Rodríguez (6),
Vázquez (0), García (17), Alonso (5), Pérez (13)
Ad: Sergio González
C.B. Arteixo
Rober Garnelo (2); Álex (15); Guille
Conchado (6); Guille Vilanova (2); Manu (14); César (5); Rober Vilariño (12);
Mindi (15); David (-), Manu Rey (-), Fabián (-).
Ad: Fran Lozano
No hay comentarios:
Publicar un comentario