Recibiu o C.B. Arteixo ó C.B.
Laracha no clásico derby dos últimos anos da competición. O partido xogouse o
domingo ás 19:00 horas no Pazo dos Deportes de Arteixo.
Gran ambiente nas gradas do Pazo dos
Deportes para ver o derby. Aproximadamente 60 persoas, das cales 20 persoas
viñeron de A Laracha para ver o partido.
Comezaba o partido cos dous equipos
negados de cara ó aro. Ós 4 minutos de xogo o marcador sinalaba un pobre 2-4 a
favor dos de A Laracha. Só se moveu o marcador en xogadas de contraataque tras
perda de balón. Rematou o primeiro periodo con empate a 10 no marcador.
No segundo periodo, os arteixáns
grazas á intensidade na defensa conseguían poñerse por primeira vez por diante
no marcador, que xa non deixarían ata o final do partido. Movíase ben o balón
ante a defensa visitante e lográbase anotar grazas ás vantaxes que se creaban
nos 1x1 dende o exterior. Chegouse ó descanso cun 21-18 no marcador.
Á volta do descanso os arteixáns
seguiron intensos na defensa e buscando boas situacións de lanzamento no
ataque, anque non estaban moi acertados. Pola súa banda, os laracheses seguían
con problemas para atacar a zona local e non conseguían anotar con comodidade.
O parcial foi moi igualado, chegándose ó final cun 32-28 no marcador.
O último periodo foi dominado polos
arteixáns, moi seguros no rebote defensivo e mantendo a boa intensidade na
defensa. Tardaron en anotar, pero a tripla de Héctor destapou o aro larachés.
Conseguiron os de Arteixo unha vantaxe de 7 puntos a falta de 3 minutos. A
partir de aí, o partido foi un continuo ir á liña de tiros libres por parte dos
arteixáns e un quero e non podo por parte dos visitantes, que só conseguiron
anotar unha tripla en todo o partido. O propio Héctor certificou a victoria dos
arteixáns anotando os 12 últimos puntos do equipo nunha serie excelsa de 12/12
en tiros libres. Rematou o partido cun 51-41 no marcador.
Remata a liga cos arteixáns na
última posición cun balance de 3 victorias e 17 derrotas. Mellorou bastante o
equipo ó longo da tempada, sobre todo no temple en á hora de ler determinadas
situacións dos partidos. A asignatura pendente (que no partido do domingo
conseguiron un sobresaínte) foi o non manter a intensidade ó longo dos 40
minutos do partido, realizando periodos de nula intensidade no xogo.
C.B. Arteixo
Germán (0), Cotelo (0), Juan (11),
Manu (0), Jacobo(-), Pavo (6), Víctor (2), David (0), Arkaitz (6), Dylan (6),
Adrián (3); Héctor (17)
Ad: Germán Lozano
C.B. Laracha
Abel (0), Jota (10), Chapi (0),
Carlos (2), Cotelo (0), Lucas (5), Esmorís (6), Cancela (0), Brais (7), Eloy (5),
André (6)
Ad: Jaime Martínez
No hay comentarios:
Publicar un comentario