martes, 13 de enero de 2015

Senior 2ª división: C.B. Arteixo 58 - 63 Carballo a un paso

Partido correspondente á 9ª xornada da 2ª divisón senior masculino, disputado o domingo ás 19:00 horas no Pazo dos Deportes de Arteixo.

58 -63  (14-16 / 19-14 / 13-11 / 12-22)

Volvía o equipo á competición despois do Nadal, contanto con dispoñer xa o adestrador con toda a plantilla para este partido, despois de recuperar a Iago e a Ramón das súas lesións. Pero non somos capaces de estar todos, xa que se lesionou Gaby no adestramento do mércores e Guille Vilanova causou baixa toda a semana por enfermidade.

Comezou o partido moi igualado, cos dous equipos tanteándose no xogo. Ningún dos dous conseguía despegarse no marcador, aínda que eran os carballeses os que tomaban a dianteira no marcador grazas ó seu acerto de cara ó aro (14-16)

No segundo periodo os arteixáns aumentaron o seu nivel defensivo e pecharon o rebote para poder xogar con velocidade, conseguindo as primeiras vantaxes no marcador, pero nunca moi elevadas. A intensidade no xogo e a búsqueda de boas opcións no ataque mantiveron ós arteixáns por diante no marcador ó descanso (33-30)

Á volta do descanso, os carballeses aumentaron o seu nivel defensivo, e cunha presión a tres cuartos de cancha foron minando pouco a pouco a toma de decisións no ataque dos arteixáns, que se guiaba por impulsos e ataques de intensidade de Ocampos. Aínda así, os arteixáns remataban o periodo con 5 puntos de vantaxe no marcador (46-41)

No último periodo, o ataque arteixán cortocircuitouse debido á intensidade defensiva dos xogadores de Basilio Pampín. Na defensa comezouse a descoidar o rebote defensivo e, mediado o periodo, os de Carballo puxéronse por diante no marcador. Os últimos minutos foron moi igualados, chegando os arteixáns a colocarse a un punto no marcador. No seguinte ataque, unha boa defensa local que finalizou cun lanzamento sobre o final de posesión de Cristóbal cunha man e medio caéndose, puxo de novo terra de por medio. Un mal ataque dos arteixáns despois do tempo morto, fixo que dende a liña de tiros libres a vantaxe fose finalmente de 5 puntos a favor dos carballeses (58-63)

Partido moi intenso e moi bonito de ver por parte de ámbolos dous equipos.

Dende aquí tamén queremos desexar unha pronta recuperación ó xogador do Carballo a un paso Héctor Añón, que se lesionou na súa perna dereita no minuto dous de partido

C.B. Arteixo
Ocampos (25), Antelo (10), Conchado (3), Iago (4), Rober (5), Ramón (0), Xoel (3), Jesús (6), Luis (2) e Andrés
Adestrador: Germán Lozano

Carballo a un paso
Tomé (10), Añón (3), Cristóbal (14), Vega (0), Castro (3), Fernández (19), García (5), Gomez (5) e Moreira (0)
Adestrador: Basilio Pampín

A vindeira fin de semana, o C.B. Arteixo finalizará a primeira volta da competición visitando ó C.B. Celtas A soalta o sábado ás 18:00 horas no Pavillón de Marzán de Foz

No hay comentarios:

Publicar un comentario