Partido correspondente á ida dos cuartos de final da Copa Primavera junior masculino, disputado o xoves ás 19:30 horas no Pazo dos Deportes de Arteixo
54 - 63 (15-10 / 10-10 / 9-21 / 20-22)
Comezou ben o partido para os de Arteixo, aínda que non anotaban con moita facilidade, si que conseguían levar a iniciativa no marcador. As primeiras vantaxes chegaban grazas ó rebote defensivo e á facilidade para saír ó contraataque. Pero os visitantes conseguiron enchufarse ó partido, aínda que non foron quen de darlle a volta ó marcador. Finalizado o primeiro periodo, os de Arteixo levaban a dianteira por 15-10.
No segundo periodo, o acerto de cara ó aro foi baixo por parte de ámbolos dous equipos. Os de Arteixo mantíñanse por diante no marcador grazas á súa defensa e ó control do rebote defensivo. Ó descanso o marcador sinalaba un 25-20 a favor dos arteixáns e todo por decidir na segunda metade.
O descanso non lle puido sentar peor ós de Arteixo, que en dous minutos xa estaban por debaixo no marcador (27-28) e non eran quen de deter o xogo rápido e a defensa presionante dos visitantes. Tamén hai que destacar a aparición de Abelleira no partido, quen centralizou o ataque visitante durante a segunda metade (37 puntos ó final do partido). A duras penas conseguían anotar e permitían numerosos contraataques que facían que Maristas se puxese por diante no marcador. Finalizou o periodo cun 34-41 no marcador.
Ó comezo do último periodo, os locais aumentaron o seu nivel defensivo e volveron entrar no partido. Pero a falta de 6 minutos a eliminación por faltas de Darío e a posterior falta técnica sinalada (co marcador igualado) provocaron 6 puntos para os visitantes que xa non foron os arteixáns capaces de remontar. Se xa as cousas pintaban mal para os de Arteixo, os visitantes conseguiron a súa máxima vantaxe cunha tripla sobre a bocina para deixar o 54-63 definitivo no marcador.
Por parte do C.B. Arteixo xogaron Darío (9), Natahel (0), Diego Felípez (2), Juanlu (-), Miguel (10), Leo (0), Iván (2), Edu (4), Eloy (0), Diego Pérez (4), Jacobo (0) e Fabián (21)
Adestrador: Germán Lozano
Por parte de Maristas Champagnat xogaron Barbosa (0), Abelleira (37), Montesinos (3), Ces (0), Sánchez (2), Gómez (5), Souto (0), López (0), Cardalda (11) e Deus (5)
Adestrador: Pablo Cayado
O partido de volta da eliminatoria disputarase previsiblemente o domingo 11 de maio ás 19:00 horas no Colexio Maristas de A Coruña. Os de Arteixo terán que remontar os 9 puntos de diferenza do partido disputado en Arteixo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario