Partido correspondente á 2ª xornada do Grupo A-3 da 2ª división junior masculino, disputado o domingo ás 19:00 horas no Pavillón Universitario de Esteiro (Ferrol)
48 - 50 (13-15 / 13-11 / 6-5 / 16-19)
Comezaba fatal o partido para os de Arteixo, que en 5 minutos recibían un parcial de 13-2, grazas ó acerto e á intensidade local. A partir de aí, un cambio na actitude fixo que os arteixáns se desen conta de que estaban a xogar un partido e comezasen a limar diferenzas. Aproveitaban os 1x1 exteriores para anotar ou ir á liña de tiros libres. Unha tripla de Miguel dáballe a volta ó marcador ó final do periodo cun parcial de 0-13 (13-15)
No segundo periodo instaurouse a igualdade no marcador. Ós arteixáns costáballes anotar debido á boa defensa local, pero conseguían anotar de novo grazas ós 1x1 e ó tiro libre. Os locais atascábanse contra a zona visitante, que chegaba ós lanzamentos exteriores pero deixaba ocos na zona para que os locais poidesen anotar. Chegouse ó descanso co marcador igualado a 26.
Á volta do descanso o nivel de acerto de ámbolos dous equipos baixou moitísimo (parcial de 6-5) sobre todo polas boas defensas e polas imprecisións no pase de ámbolos dous equipos. Rematou o periodo cun 32-31 no marcador.
No último periodo, o acerto de cara ó aro dos dous equipos volveu a aumentar. Os arteixáns anotaban grazas ós balóns interiores sobre Fabián e ós 1x1 exteriores de Darío, Diego e Jacobo. Pola súa parte, os locais anotaban ó contraataque e baixo o aro nos despistes na defensa zonal dos arteixáns.
Chegouse a falta de 16 segundos con 4 puntos de vantaxe para os de Arteixo. Sacando de banda en campo contrario, perderon o balón e os locais anotaron ó contraataque. Despois de sacar de fondo, chegou Miguel ó aro contrario para anotar, pero foi taponado por detrás e a falta de 6 segundos, Juanlu cometeu falta que daba posesión ós locais. Tras tempo morto, os de Ferrol puxeron con dificultade o balón en xogo, chegando case a perdelo. Conseguiron lanzar á canastra e anotar, pero o lanzamento foi executado fóra de tempo e a victoria marchouse para Arteixo por 48-50.
Gran partido dos arteixáns, empañado só polo comezo falto de intensidade.
Por parte do Ferrol C.B. xogaron Tajuelo (0), Aller (14), Cebral (13), Muíños (12), Sixto (2), Deive (0), Dopico (0), Rodeiro (7), e Castro (0)
Adestrador: Javier Uría
Por parte do C.B. Arteixo xogaron Darío (15), Natahel (0), Juanlu (0), Miguel (9), Leo (0), Iván (0), Eloy (1), Diego Pérez (5), Jacobo (3) e Fabián (17)
Adestrador: Germán Lozano
A vindeira fin de semana, o C.B. Arteixo terá dobre xornada. Sábado contra BCA 97, en principio, ás 18:00 horas na Polideportiva de Riazor. E domingo contra Fogar de Santa Margarida ás 12:00 horas no Pavillón de Meicende
No hay comentarios:
Publicar un comentario